ESPECIALIZACIÓN E ESPECIFICIDADE.


POR UNHA INTERVENCIÓN INTEGRAL E ESPECIALIZADA.

MANUEL OJEA RÚA, presidente da Asociación TRASCOS, formada por familias de persoas con Trastorno do Espectro do Autismo, e profesionais que traballan e investigan neste campo, fálanos da importancia da ESPECIFICIDADE e os MODELOS DE MEDIACIÓN COGNITIVA, co fin de garantir e facilitar o máximo potencial de desenvolvemento para as persoas con TEA.

A día de hoxe, as únicas abordaxes e intervencións recomendados a nivel nacional e internacional para o tratamento do TEA son de carácter psicoeducativo, orientados a potenciar puntos fortes e a proporcionar apoios que favorezan o desenvolvemento persoal, a inclusión social e a calidade de vida das persoas con TEA e das súas familias.

Por iso, a intervención dirixida ás persoas con TEA debe estar sempre baseada na evidencia e conxugar o coñecemento científico coa experiencia e o consenso profesional, así como cos intereses e dereitos das propias persoas con este tipo de trastorno e as súas familias.

É preciso impulsar a implementación de intervencións contrastadas para as persoas con TEA nos distintos sistemas que lles atenden ao longo da súa vida, fundamentalmente o sanitario, o educativo e o social. Así se lles poderá facilitar a transición entre as distintas etapas vitais e contribuirase a erradicar prácticas non recomendadas ou sen evidencia contrastada.

Tamén é necesario promover o desenvolvemento, a implantación e a evolución de sistemas de coordinación que axuden a garantir a transversalidade das intervencións e a continuidade da atención que reciben as persoas con TEA e as súas familias, integrando para iso aos profesionais das asociacións no seguimento dos casos e na planificación e dinamización dos apoios e oportunidades .

Este vídeo foi realizado coa colaboración da entidade Trascos, entidade membro da FEDERACIÓN AUTISMO GALICIA, e producido dende o departamento de comunicación da Federación Autismo Galicia.